Sunday 28 de April de 2024

O Concello culmina as obras de acondicionamento e mellora enerxética do Centro Cívico de Elviña


Os traballos, realizados no marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Eidus Coruña, permitiron renovar a fachada, a climatización, a cuberta e a iluminación do espazo municipal

O servizo de Edificación do Concello terminou as obras de acondicionamento e mellora enerxética do Centro cívico de Elviña que se iniciaron en marzo pasado. O importe da adxudicación dos traballos foi de 557.571 euros, financiados nun 80% por fondos da Estratexia EDUSI e cunha achega de 111.514 euros do Concello da Coruña.

As obras incluíron a execución dun sistema de illamento térmico na fachada e o repintado da mesma, a substitución das cubertas, a impermeabilización das terrazas, a renovación das carpinterías exteriores, a substitución dos falsos teitos, a instalación dun novo sistema eléctrico e de iluminación máis eficiente con sistemas LED e a pintura interior de todo o edificio.

As obras realizadas permitirán que o próximo mes de setembro, cando o centro cívico retome a súa actividade habitual, as persoas usuarias poderán gozar dun recinto máis confortable á vez que se reduce considerablemente o gasto enerxético do espazo. Durante estas últimas semanas de agosto, levaránse a cabo tarefas de limpeza e algunhas obras menores no interior do centro para que todo estea a punto para o inicio do curso. En 2022, ás distintas actividades do CC Elviña asistiron case mil persoas.

A mellora do Centro Cívico súmase a outra importante actuación impulsada polo Goberno de Inés Rey no barrio de Elviña como é a posta en marcha do Centro García Sabell, que será un espazo de referencia para albergar dispositivos de acompañamento para a inserción social e laboral de persoas en risco ou en exclusión social. No novo equipamento traballarán equipos técnicos tanto da administración local como de entidades do terceiro sector especializadas en atención a colectivos altamente vulnerables.